XXVIII Xogos Florais María Pita dedicados a Isabel Zendal, unha enfermeira de Ordes, reitora da Casa de Expósitos do Hospital da Caridade, á que en 1803 foille comunicada a Orde Real para que se incorporase á Expedición da Vacina en calidade de enfermeira coidando dos nenos que “transportaban” a vacina da variola nun buque que levaba por nome María Pita. Como consecuencia deste feito a OMS recoñécea como a primeira enfermeira da Historia en misión internacional.
O acto foi presentado pola poeta Yolanda Castaño e contou coa participación de Pilar Farjas, presidenta da asociación Isabel Zendal como mantedora.
Na primeira parte da velada, os alumnos de primaria do Colexio público Labarta Pose de Baio, coa súa profesora Sinda Cundins á fronte, realizaron unha brillante representación teatral da Real Expedición Filantrópica da Vacina.
O primeiro premio senior, entregado por Richard Huerta, director do Hotel Ibis Coruña foi para o poema titulado “Zendal” da xornalista e poeta de Marín Lara Dopazo.
O primeiro premio junior, entregado por Dolores Estrada, directora da Fundación San Rafael foi para o poema titulado ” Variola” escrito por Marcos Vázquez de Oleiros.
Tras a lectura dos poemas gañadores, a Unidade de Música da Forza Loxística Operativa do Noroeste co seu director, o capitán Iván R. Armán, puxo colofón ao acto cun pequeno concerto e a interpretación dos himnos de María Pita e o de Galicia.
Ao finalizar foille entregada ao Maestre a partitura orixinal da transcrición do himno de María Pita realizada polo brigada Alfredo Casanova.

  • Copiar